O Campo e o Parque

CIES 2021 COIDA O PLANETA

Os acontecementos dos dous últimos anos cambiaron a vida da humanidade e a moitos de nós motivounos unha reflexión real sobre o futuro do que nos rodea. Escoitamos moitas teorías e podémonos identificar con calquera delas pero un feito é que seguramente dalgunha maneira todo está relacionado. O que sí temos claro é que están pasando moitas cousas que veñen da man da acción humana sobre o espazo que habita e que hai que tomar medidas e crear accións nas que a mocidade teña moito que dicir e nas que teña moito que aportar. Este é o principal motivo polo que este ano o Campo de Voluntariado das Illas Cíes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia en coordinación co Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia comeza unha andaina cunha programación baseada na reflexión do cambio climático e as accións que dende as Illas Cíes poden saír cara o mundo.

Agardamos que vos guste a idea e que vos sumedes ao cambio con nós. Coida o planeta!

O PARQUE NACIONAL

Os arquipélagos das Cíes, Ons, Sálvora, Cortegada e o ámbito mariño que os rodean forman a contrastada paisaxe granítica que caracteriza o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Baixo as súas augas consérvanse algúns dos exemplos máis representativos de ecosistemas mariños atlánticos, que atesouran unha gran riqueza biolóxica.

A súa localización, fronte ás Rías Baixas, crea unha barreira natural ante o océano que acentúa o ambiente estuárico das rías baixas. No medio terrestre destacan os sistemas dunares, os cantís e os matos de toxo e breixo. No medio mariño, con fondos rochosos, son importantes as comunidades de bosques de algas pardas que acollen unha gran variedade de seres vivos. As correntes mariñas depositan as areas nas zonas máis protexidas que, xunto cos importantes fondos de maërl (conformados por restos de algas calcarias), crean uns medios de substrato móbil ao cal se deben adaptar os seres vivos, como os bivalvos que se enterran para que as correntes non os leven.A gaivota patiamarela e o corvo mariño cristado crían no Parque, onde forman as maiores colonias de cría que hai en Europa. Outros animais terrestres das illas están distanciados dos conxéneres costeiros, de xeito que se van diferenciando. Son bos exemplos disto a existencia da subespecie de lagarto ocelado de Sálvora ou o viviparísmo das píntegas das illas.O Parque foi habitado desde moi antigo. As illas pasaron por diferentes mans: a igrexa, a nobreza, o exército e distintos entes administrativos que, xunto cos poboadores, deixaron a súa pegada: castros, mosteiros, muíños, hórreos, pazos, dornas, costumes e lendas que enriquecen as illas. A actividade pesqueira foi o principal sustento dos poboadores, e as sucesivas crises foron a causa principal do abandono. Soamente en Ons se mantén unha poboación reducida.

O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia é sen lugar a dúbida un des espazos naturais protexidos máis importantes do sur de Europa e por iso ten que ser pioneiro no eido da educación non formal da mocidade; dende hai moitos anos leva poñendo o seu empeño en que se desenvolva o Campo de Voluntariado e confire así a única actividade educativa que no verán, de xeito continuado, se desenvolve no Parque. A importancia do noso Parque vén dada pola cantidade de recoñecementos que teñen que ver coa súa riqueza natural pero tamén con “xeitos de facer” que moi ben se poderían trasladar á vida cotiá da sociedade.

COIDA

e participa no futuro dun espazo natural extraordinario

RESPECTA

todo o que hai, o que che din, o que faga falla,... no Parque

AMA

os valores que nos pón o Parque á nosa disposición, serás máis feliz

GOZA

do que ves, do que sintes, do que descubres,... de todo